A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou este martes nunha charla-coloquio con estudantes dos ciclos superiores que se imparten no centro EFA Fonteboa, co obxectivo de darlles a coñecer os diferentes instrumentos que a Xunta pon á súa disposición para desenvolver os seus proxectos profesionais no medio rural.
Durante o encontro, a directora xeral destacou a importancia da formación da mocidade para a profesionalización do sector agrogandeiro, a remuda xeracional e o desenvolvemento rural. Así mesmo, explicou as principais liñas de actuación da Consellería en materia de mobilización e recuperación da terra agraria, emprendemento e dinamización económica, mellora das infraestruturas e dos servizos básicos, innovación e cooperación, así como de promoción e posta en valor do rural galego.
Rodríguez incidiu na importancia de que os futuros profesionais do sector coñezan os recursos e as ferramentas cos que conta a Administración para facilitar o acceso á terra, a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a consolidación das existentes. A directora xeral puxo tamén en valor o labor formativo da EFA Fonteboa e salientou a necesidade de escoitar as propostas e inquedanzas da mocidade á hora de deseñar as políticas de desenvolvemento rural.
