Este concurso de escaparates de Nadal, que ten como obxectivo premiar os comerciantes e incentivar o pequeno comercio do municipio mediante a decoración dos escaparates con motivos propios do Nadal.
Neste caso, poderán participar todos os comercios que teñan escaparate ao exterior en calquera das parroquias do concello e deberán estar adornados con elementos decorativos tradicionais do Nadal.
O prazo de inscrición abrirase o 7 de decembro de 2026, ás 9:00 horas, e pecharase o 18 de decembro, ás 14:00 horas e os establecementos participantes deberán ter o escaparate decorado do 21 de decembro de 2026 ao 7 de xaneiro de 2027.
Un xurado formado por tres membros valorará a vistosidade, a orixinalidade e a calidade técnica e de imaxe dos escaparates. Estará integrado polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Mar, Comercio, Medio Rural e Festas, Luis Miguel Fernández García, e polas presidencias (ou persoas designadas) da Asociación San Xulián de Malpica e da Asociación Malpica Felina. O fallo producirase antes do 15 de xaneiro de 2027 e a listaxe de premiados publicarase na sede electrónica, no taboleiro de anuncios e no Facebook do Concello.
Cada comercio só poderá recibir un dos tres premios, dotados de 100 (terceiro premio), 200 (segundo premio) e 300 euros (primerio premio).
As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Concello, de forma presencial ou telemática, coa folla de inscrición e a documentación esixida.
As bases completas poden consultarse na sede electrónica do Concello (https://www.concellodemalpica.com/).
