A Xunta Electoral Central abre ao PP o primeiro expediente sancionador por ‘reiteradas infraccións’

2 minutes read

A Xunta Electoral Central vén de estimar o recurso interposto polo PSdeG contra o acordo da Xunta Electoral de Galicia do pasado 29 de xaneiro no que esta se limitaba a ordenar ao PP retirar das redes sociais o vídeo ‘Illa de Estabilidade’, ao considerar que tiña carácter “electoralista” e que vulneraba a normativa electoral que o prohibe antes do inicio formal da campaña.

A XEC decidiu agora ir un paso máis aló e abriu aos populares o primeiro expediente sancionador. Entre outros argumentos, ademais de que os efectos derivados da difusión do vídeo “perviven” na internet a pesar de que sexa retirado, alude á reiteración de infraccións por parte dos populares do artigo 53 da lei electoral. Os populares xa foron obrigados nestas últimas semanas a retirar diferentes carteis, varios vídeos en redes sociais e comunicacións ca imaxe do seu candidato nas comunicacións públicas da Xunta de Galicia.

En concreto, lémbrase que no segundo parágrafo deste artigo, a norma determina que “desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña, queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral […], non podendo xustificarse ditas actuacións polo exercicio das actividades ordinarias dos partidos, coalicións ou federacións”.

Así, a Xunta Electoral Central apunta que, aínda que a galega acordase que o vídeo denunciado polos socialistas fose retirado das redes sociais, iso “non impide que os efectos derivados da súa difusión pervivan nun medio como internet”. Pero tamén se alude a que a documentación que obra no expediente evidencia que xa en días previos a propia Xunta Electoral de Galicia adoptou dous acordos máis nos que estimaba que o PP cometera “outras tantas infraccións” contra a normativa electoral.

“Este conxunto de circunstancias conforma un marco que determina a necesidade de incoar un expediente sancionador para depurar a posíbel responsabilidade en que se puido incorrer por esta posíbel vulneración nova do artigo 53 da que trae causa o presente recurso”, xustifica agora a XEC na resolución coñecida este mércores.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?