A Xunta entrega material para incrementar a seguridade dos ciclistas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na entrega de 190 cortaventos reflectantes que a Federación Galega de Ciclismo lle fixo a 6 asociacións co fin de facer visible a este colectivo nas estradas e incrementar a súa seguridade.

O cortaventos distribuído é de cor amarela fluorescente e ten reflectantes para facer máis visible ao ciclista, tamén en situacións de menos luz. Na parte traseira leva inscrita a separación lateral obrigatoria de 1,5 metros que deben deixar os vehículos cando rebasen á persoa que circula en bicicleta, co lema “Eu fágome ver”.

A iniciativa ten como obxectivo acadar a redución dos riscos nas estradas pero, sobre todo, lograr o respecto mutuo entre todos os seus usuarios.

Trátase dunha acción máis para continuar avanzando no camiño de sensibilizar e concienciar á sociedade e mellorar a seguridade das persoas.