A Xunta envía ao Goberno central a solicitude para a posta en marcha dun Perte cultural


O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, vén de remitir ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, unha carta para solicitarlle a posta en marcha dun PERTE cultural “que recoñeza o peso do sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento”. Tal e como se indica na misiva, a petición da Xunta de Galicia parte do “convencemento de que a cultura non pode quedar á marxe da gran oportunidade que supoñen os fondos europeos”.

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego destaca o sector da cultura “como xerador non só de riqueza e benestar profesional, senón como principal factor de diferenciación identitaria do noso país”. “A activación dos PERTE, financiados con fondos europeos, está chamada a supoñer un estímulo vital para os principais sectores socioeconómicos en España”, explica, motivo polo que a Xunta considera necesaria a súa posta en marcha tamén neste eido.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva meses traballando co sector cultural galego para analizar, estudar e concretar os principais retos e necesidades, un proceso que resultou en 82 achegas de 55 entidades distintas que se vén de remitir ao Ministerio e que inclúen tanto ás universidades como a museos, fundacións, editoriais e empresas. “Con este compendio sobre a mesa, gustaríame solicitarlle que se teñan en conta estes proxectos para as próximas convocatorias de axudas con cargo aos fondos europeos”, indica Román Rodríguez.