A Xunta estudará a posibilidade de colaborar nun novo proxecto de educación ambiental impulsado por Íntegro

1 minutes read

A Xunta de Galicia estudará a posibilidade de colaborar nun novo proxecto de educación ambiental impulsado pola asociación Íntegro, unha entidade social sen ánimo de lucro con sede en Cabana de Bergantiños, fundada en 1992 co fin de promover a inclusión social de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Así o comprometeu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que se reuniu recentemente co presidente de Íntegro, Adolfo López, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e outros representantes da entidade para coñecer en detalle os obxectivos principais da iniciativa.

Neste sentido, os promotores explicaron que baixo o título Sementes de futuro, o proxecto xorde cunha dobre vocación, formativa e medioambiental. Con tal fin, a idea é promover actuacións de reforestación para recuperar zonas degradadas mediante a plantación de especies galegas ao tempo que se sensibiliza á comunidade escolar da zona sobre a biodiversidade e a importancia dos bosques autóctonos a través de actividades que promovan a interacción entre diferentes xeracións e colectivos.

Pola súa parte e tras asegurar que analizará a proposta de Íntegro co fin de estudar unha posible colaboración por parte da Consellería, Ángeles Vázquez salientou a importancia de fomentar a educación ambiental, especialmente entre a mocidade, e lembrou que desde o seu departamento sempre se defendeu o coñecemento como unha das mellores vías para a protección e conservación do rico patrimonio natural galego.