A compañía enerxética Endesa decidiu pechar definitivamente a súa central térmica das Pontes despois de certificar que a solución intermedia que expuxera plara esa planta non é posible. Esa alternativa pasaba polas mesturas de biocombustibles e carbón, pero a firma considera que non permiten prolongar a vida da instalación debido a un cúmulo de razóns, especialmente de carácter ambiental, aínda que tamén técnicas e económicas. A compañía mantén, por tanto, o proceso de peche iniciado en decembro de 2019 e activa o seu programa de reconversión (Futur-e) para a procura de proxectos empresariais que se implantarán na localidade.
Rexeitamento da Xunta
A Xunta de Galicia amosa a súa máis absoluta oposición á decisión unilateral anunciada por Endesa de pechar a central térmica das Pontes. O Goberno galego lamenta que a compañía tome esta decisión sen contar co resto de integrantes que conforman a mesa de traballo que está a buscar solucións para esta comarca. Neste sentido, trátase dunha decisión que a empresa adopta aproveitándose dunha transición enerxética inxusta, caótica e desordenada.
Despois de dez meses nos que a través dun grupo técnico –no que están presentes todas as administracións e no que a Xunta participa a través do Inega– se están buscando alternativas industriais que fagan viable a planta desde o punto de vista técnico, medioambiental e económico, Endesa vén de rachar con todos os compromisos adquiridos e anuncia o peche da central antes incluso de presentar o informe coas conclusións das probas con biocombustibles. Por este motivo, o Goberno galego rexeita tanto a decisión como a falta de respecto institucional e con Galicia que acaba de amosar Endesa.