A Xunta financiará os sistemas de dosificación de medicamentos a maiores de 74 anos


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego financiará os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos a pacientes maiores de 74 anos polimedicados.

O anuncio coincide coa entrada en vigor do decreto regulador das condicións e os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia de Galicia, que foi aprobado no Consello da Xunta o 19 de maio e publicado no Diario Oficial de Galicia o 7 de xuño. O decreto regula os requisitos para que as farmacias se sumen de xeito voluntario a ese servizo. De forma paralela, o Goberno galego negociou cos colexios farmacéuticos unha addenda ao concerto xeral que a Xunta ten coas oficinas de farmacia para iniciar un programa piloto de financiamento deste servizo aos pacientes que máis o necesitan.

Desta maneira, poderán beneficiarse dese servizo uns 3.000 pacientes maiores de 74 anos, os que teñen máis fármacos prescritos, con prioridade para aqueles que vivan sós e non teñan unha rede de apoio sociofamiliar que lles axude no mantemento dos seus tratamentos.

A prescrición deste servizo gratuíto farase a través dos farmacéuticos ou das enfermarías de atención primaria. De xeito paralelo, o centenar de farmacéuticos de atención primaria que forman parte do Sergas -incluídos os 28 que se incorporaron este ano- comezarán un proceso de revisión da medicación destes pacientes polimedicados con máis fármacos prescritos para tratar de conciliar e reducir o seu número de tratamentos.