- O Goberno galego anunciou este luns que prorrogará os seus contratos ata o 15 de outubro
A presión dos 34 investigadores e investigadoras de alto nivel que foran prexudicados polo atraso da Xunta na publicación dunha convocatoria tivo resultados. O Goberno galego anunciou este luns que prorrogará os seus contratos ata o 15 de outubro, buscando evitar o baleiro xerado polo erro anterior, que deixou sen emprego a estes investigadores e investigadoras posdoutorais adscritos ás tres universidades galegas.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, espera que os novos contratos estean xa asinados esta mesma semana. Ademais, anunciou que nas vindeiras convocatorias os procesos de avaliación se adiantarán para evitar situacións como a xerada nesta ocasión.
O pasado venres as tres universidades galegas presentaran unha solicitude formal para que o Goberno galego atopase unha fórmula para financiar os contratos destes 34 investigadores e investigadoras ata que rematase a avaliación da súa traxectoria na Modalidade A deste programa de captación e retención de talento.
Os investigadores e investigadoras afectadas, que nos últimos días denunciaron a situación creada por un erro burocrático da Consellería de Educación, celebraron o anuncio da Xunta de Galicia, que recolle a maior parte das esixencias e suxestións que realizaran nos últimos días. Porén, queren agardar a que o anuncio realizado este luns se faga efectivo nun documento oficial e na propia sinatura dos contratos. Ademais, pregúntanse “se era tan sinxelo de resolver, por que non se fixo antes”. Na xuntanza que mantiveran o pasado luns, os representantes da Consellería negáranse a aplicar esta solución.