- Na área de Vigo, a Xunta non descarta utilizar o Ifevi como hospital adicional
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este martes en rolda de prensa novas medidas para afrontar a pandemia do coronavirus, tanto no eido sanitario como no eido das residencias de maiores e de discapacitados internos, entre as que destacou a posta en marcha de dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada coa que conta a Comunidade.
Así, na Coruña, o hospital de reforzo instalarase no recinto feiral e contará cun aforo de entre 200 e 300 camas a maiores; e, no caso de Santiago, o recinto para albergar o hospital será o Multiusos do Sar, onde se instalarán entre 100 e 150 camas adicionais a toda a planta hospitalaria pública e privada que existe na área sanitaria de Compostela.
Nesta mesma liña, e no tocante á área de Vigo, o titular do Goberno galego resaltou que a Xunta non descarta utilizar o Ifevi como hospital adicional para completar todo o aforo público e privado da cidade olívica, se ben ata o momento considérase suficiente co novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para pacientes sen coronavirus.
“E tomamos a decisión de poñer en marcha por parte do 061 unha noria de ambulancias, é dicir, dun sistema de traslados específicos para os pacientes de coronavirus, nos que se priorizarán os traslados entre estes novos hospitais”, engadiu, referíndose tamén á decisión, onte, de poñer gratuitamente a disposición dos traballadores sanitarios unha serie de hoteis para os que o precisen.
Por outra banda, o responsable do Goberno galego aseverou que as residencias de maiores e de discapacitados internos seguen a ser unha das prioridades da Administración autonómica. “Seguiremos actuando para previr contaxios e para dar resposta aos que se produzan”, afirmou, anunciando a decisión de priorizar os tests de diagnóstico nas residencias de Galicia, tanto aos residentes como aos empregados. “O obxectivo é chegar a todos os centros, comezando por aqueles nos que se teñen detectado casos e levando a cabo arredor de 800 tests diarios para completar o mapa de todas as residencias”, dixo.