A Xunta impulsa unha reforma normativa para facilitar o cambio de baixos comerciais a vivendas


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego impulsará este ano un cambio na normativa de habitabilidade de Galicia co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para reconverterse en vivendas. Ademáis, tal e como explicou Rueda, a Xunta tamén busca “actualizar unha normativa” que foi aprobada hai 13 anos e que incorpora “requisitos moi estrictos e obsoletos” de cara a rehabilitación ou reforma dunha vivenda.

O Consello acordou iniciar a tramitación do decreto que vai modificar as actuais Normas de habilitabilidade de vivendas de Galicia, aprobadas en 2010. “O que buscamos é que se un baixo non vai ter uso comercial, poida ter un uso residencial”, indicou Rueda, é dicir, “non se trata de evitar o uso comercial dos locais senón de posibilitar outros”. Isto, resaltou, vai favorecer, por unha banda, que aumente a oferta de vivendas dispoñibles para a cidadanía e, por outra, “evitar a sensación de degradación que produce ter moitos baixos abandonados tanto no centro como nos barrios das cidades”.

Cómpre subliñar que agora existe xa a posibilidade de adaptar baixos comerciais para destinalos a uso residencial, pero esta adaptación queda impedida ás veces polo feito de que a normativa actual de habitabilidade esixe que se cumpran unha serie de condicións bastante estritas para garantir a protección das vistas das vivendas desde o exterior.

Por iso, un dos cambios que se quere introducir favorecerá a reconversión de baixos en vivendas cando se dean este tipo de situacións, permitindo aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias de adaptación necesarias para garantir a intimidade dos residentes en determinados ámbitos, sempre que estea debidamente xustificado por motivos urbanísticos ou de protección patrimonial.