A Xunta impulsará o vindeiro ano as microformacións


Unha iniciativa recomendada pola Unión Europea para dar resposta á necesidade de formación para enfrontar, entre outros retos, a dobre transición dixital e verde. Galicia, deste xeito, será referente en ofertar este tipo de cualificacións de curta duración a empresas e traballadores.

Será co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas e fortalecer a competitividade das empresas galegas. Para iso, poranse en marcha unha liña de axudas económicas destinadas a empresas que desexen realizar accións formativas de curta duración para o seu persoal, e que contará cun orzamento de un millón de euros, así como tamén axudas económicas destinadas ás persoas traballadoras desempregadas para poder realizar este tipo de formación, cunha dotación orzamentaria de cara ao vindeiro ano de 1,5 millóns de euros.

Cada vez son mais as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa formación e as necesidades dun mercado de traballo en rápida evolución; sendo, deste xeito, un dos principais retos que afrontan as empresas a oferta insuficiente de capacidades axeitadas no mercado de traballo, ao que se suma que os perfís das tarefas e as capacidades requiridas están cambiando de forma constante debido ás transicións dixital e ecolóxica.

A Unión Europea, por iso, está impulsando a través do modelo de microcredenciais as experiencias cortas de aprendizaxe, xa que considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda de Capacidades Europea, contribuido á adaptación ás novas esixencias dun mercado laboral en continuo cambio.