A Xunta impulsará plans de internacionalización dixital de pemes, autónomos e comercio

1 minutes read

A Xunta de Galicia activará, nas vindeiras semanas, unha nova convocatoria de Galicia Exporta Dixital, unha liña de axudas centrada na internacionalización dixital da empresa galega que en 2020 se reforzou e adaptou ás necesidades do tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19. Esta nova edición contará cun orzamento de 6M€ co obxectivo de apoiar a expansión internacional das empresas galegas e os establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

As axudas, destinadas a pemes, autónomos e comercio retallista, serán de concorrencia non competitiva e cubrirán ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Poderase presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 25.000 e 125.000 euros ou, no caso de comercio retallista, de entre 15.000 a 100.000 euros.

As axudas permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo.