A nova parada atópase na estrada AC-552 ao seu paso polo núcleo da Piroga, polo que desde este martes se engade nas liñas que circulan por ese punto. Así, pararán na localidade os servizos de tres liñas A Coruña-Fisterra, dúas A Coruña-Muxía, unha Santiago-Camariñas e unha Santiago-Vimianzo.
Estas liñas ofrecen, de luns a venres laborables durante todo o ano, once servizos ao día na conexión coa Coruña, seis cara á cidade e cinco desde A Coruña ata Fisterra ou Muxía. Os sábados e domingos serán seis servizos, tres en cada sentido.
Na conexión con Santiago de Compostela, nas liñas con cabeceira en Camariñas ou Vimianzo, funcionarán en tempada lectiva catro servizos ao día de luns a venres, dous por sentido, e un máis os venres e domingos pola tarde que facilitan as viaxes de ida e volta das fins de semana durante o curso.
Coa nova parada, a Xunta atende a petición do Concello de Vimianzo e da veciñanza da parroquia de Bamiro para mellorar o acceso ao transporte público aos usuarios desta parroquia, que tiñan como parada máis próxima a da localidade limítrofe de Baio, en Zas.