O transporte escolar para Traba de Laxe comeza a funcionar tras meses de reivindicacións

2 minutes read

O BNG de Laxe anuncia que o transporte escolar para o alumnado de Bacharelato e Formación Profesional comeza a funcionar desde o luns 28 de setembro, unha medida que permitirá que os mozos e mozas de Matío e Traba accedan aos seus centros educativos en condicións de igualdade aos do resto do concello. A formación nacionalista destaca que este avance é froito da insistencia, do traballo constante e da defensa firme do dereito á educación da mocidade de Laxe.

No pleno municipal celebrado onte, o alcalde afirmou (como demostra o video que adxuntamos) que tanto a empresa como a Dirección Xeral de Mobilidade “non dan solución” para este servizo, unha postura que o BNG considera desacertada e que contrasta coa realidade actual: finalmente, si había solución, e hoxe está confirmada a súa posta en marcha. Ante o anuncio hoxe só queda a dúbida de saber se o alcalde faltou á verdade no pleno ou que descoñecía por completo as xestións que se estaban a realizar.

A concelleira Cristina Vázquez subliña que “o BNG non se vai render nunca cando se trata de garantir dereitos básicos. A mocidade de Laxe merece un transporte escolar igualitario, digno e seguro, e hoxe podemos dicir que o terá”. A formación lembra que leva meses reclamando alternativas, propoñendo vías de coordinación e insistindo en que o Concello debía actuar para evitar que o alumnado quedase sen opcións de desprazamento, “a veciñanza ben sabe quen se moveu para solucionar esta demanda tan xusta”.

O novo servizo contará con dúasparadas, unha en Matío e outra na iglesia de Traba, facilitando o acceso ao alumnado destas parroquias. O BNG considera que esta medida supón un avance fundamental para a conciliación, a igualdade de oportunidades e a continuidade educativa das familias de Laxe.

A formación nacionalista agradece ás familias a súa paciencia e o seu apoio durante todo o proceso, e reafirma o seu compromiso: “Seguiremos traballando para que ningún mozo nin moza de Laxe quede atrás. Este luns comeza o transporte escolar, pero o noso labor continúa”.