A Xunta incrementará o vindeiro ano nun 40% as estadías no estranxeiro para o alumnado galego

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deulles este martes a benvida aos auxiliares de conversa que prestan este ano servizo no sistema educativo, nun acto onde anunciou que o seu departamento vai incrementar o ano que vén nun 40%, ata acadar os 2 M€, as estadías no estranxeiro para mellorar as competencias en idiomas do alumnado galego a través dos Orzamentos 2023.

Román Rodríguez puxo así en valor a estratexia de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras desenvolvida pola Xunta desde 2009, “que permitiu que pasásemos dos 12.500 alumnos beneficiados aos máis de 100.000 do curso actual”. “Estas cifras proban que as linguas son elementos de unión, non de confrontación, e que supoñen o primeiro vehículo de coñecemento, de entendemento e de fraternidade entre distintos pobos”, salientou.

As accións da Xunta nesta materia recóllense na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que contempla un investimento de 83M€ na primeira fase de catro anos ata 2025 para o impulso de accións de alto impacto e de especialización a aprendizaxe de idiomas nos próximos anos co obxectivo de dar un salto de calidade enfocado aos retos de futuro.