A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou o polígono industrial da Laracha, acompañada polo alcalde, José Manuel Varela e polo director territorial da Consellería de Economía e Industria. Isidoro Martínez. Na visita tamén estiveron presentes representantes da empresa que executou a obra Paco Gómez. A representante do Goberno autonómico coñeceu de primeira man as actuacións realizadas, cun apoio da Xunta de 120.000 euros que permitiu a mellora das súas infraestruturas viarias. Este polígono ten unha extensión de máis de 825.249 m2 e está deseñado para aloxar a empresas do sector industrial e terciario e conta con excelentes comunicación coa AG-55, AP-9 e A-6.
As obras consistiron na mellora do viario V desde a rotonda aplicando unha nova capa de rodadura de 6 cm de espesor e na posterior sinalización horizontal.
Tamén se levou a cabo o acondicionamento da zona sur dando continuidade física ao viario Sx 15.1, que conecta o viario V co aparcamento 1. Ademais de asfaltar esta estrada ampliouse o seu acceso peonil construíndo beirarrúas en todo o tramo. Esta actuación permite realizar os desprazamentos peonís nunhas condicións de seguridade e comodidade e reducindo o uso do vehículo privado. Esta estrada completouse coa instalación de alumeado público e de rede de pluviais.
Finalmente, o proxecto tamén contemplou a construción dun aparcamento enfronte ao Viveiro de Empresas de 16 prazas de para os usuarios desta instalación.
A delegada da Xunta explicou que esta liña de axudas “contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”.
Belén do Campo lembrou que esta orde da axudas repartiu, o ano pasado, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte case 362.000 euros entre A Laracha, Carballo, Cee, Vimianzo, Zas e Ponteceso, a provincia da Coruña contou con 1,8 millóns de euros para apoiar a 26 parques empresariais. Os polígonos industriais de Galicia contaron cun orzamento total de 3,5 millóns de euros.