O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este xoves o Colexio O Areal, en Camariñas, para presentar o proxecto de rehabilitación integral do centro, no que a Xunta investirá máis de 1,1 M€. A obra licitouse o pasado venres, no marco do paquete das primeiras 16 obras que vai executar a Xunta en centros educativos este ano, por máis de 16 M€, e conta cun prazo de execución de nove meses desde o inicio dos traballos.
O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a intervención ten como obxectivo renovar por completo a envolvente do centro. “Deste xeito, mellorarase tanto o confort térmico da comunidade educativa no seu día a día como a eficiencia enerxética das instalacións, que é un dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica, no que se enmarca a obra”, sinalou.
Para isto, o programa de actuación inclúe o cambio da cuberta por unha nova de panel tipo sandwich con illamento térmico, dun total de 1.726 m², así como a instalación de sistema SATE nos 1.864 m² de fachadas. Así mesmo, mudaranse as 87 fiestras exteriores e 69 portas que aínda non foran aínda renovadas. Tamén se incorporarán novas luminarias no recinto exterior do colexio, que non existen na actualidade, e acometerase o acondicionamento acústico interior do patio cuberto a base de chapas microperforadas de aceiro galvanizado lacado e panel interior de la de vidro.
No interior do edificio instalaranse nova iluminación (337 luminarias en total) e falsos teitos e realizaranse tarefas de pintado, ademais de realizarse outras melloras complementarias.
A intervención inclúe tamén a mellora da accesibilidade do centro, coa construción e adecuación de ramplas desde os patios ata o colexio e a redistribución do núcleo de aseos da planta baixa para crear dous aseos adaptados.