A Xunta investirá 2 M€ en 2026 en habilitar o Camiño do litoral para unir a Galicia costeira de norte a sur

2 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a aposta do Executivo galego por poñer en valor o litoral da comunidade e o rico patrimonio co que conta. Con ese obxectivo, destacou, a Xunta investirá en 2026 arredor de 2 millóns de euros en habilitar o Camiño do litoral, unha senda que una a Galicia costeira de norte a sur na que a cidadanía poida coñecer a fondo a súa riqueza cultural, arquitectónica ou turística.

A conselleira subliñou que, tras asumir este ano a xestión plena do litoral, o próximo exercicio vai ser o do enaltecemento e difusión dos seus valores con accións como a creación desta senda que unirá Galicia desde Ribadeo ata A Guarda, a pé, e de Ribadeo ata Tui, en bicicleta.

Este Camiño do litoral, explicou Ángeles Vázquez, pretende ser un camiño vivo que permita desfrutar, a pé ou en bicicleta, da costa galega, coñecer a comunidade a carón do mar e os tesouros que agocha. Precisamente, con ese mesmo obxectivo de poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica ou arquitectónica que se poderá atopar en cada etapa, a Xunta vai unificar nunha aplicación toda a información dispoñible e poraa a disposición do conxunto da cidadanía.

Nesa aplicación -Conecta litoral, que se lanzará tamén o vindeiro ano- estarán incluídas todas as etapas do Camiño do litoral, información sobre os elementos recollidos no Catálogo de bens de interese cultural e na rede de establecementos turísticos da costa, así como outros datos sobre o patrimonio natural -flora e fauna-, para que os usuarios os teñan á súa disposición á hora de iniciar calquera percorrido por esta senda.

Esta ferramenta informática pretende amosar que o litoral de Galicia está vivo e activo e que conxunga esa protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, un dos piares básicos da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga), que regula o exercicio pleno das competencias sobre a costa.