A Xunta mantén a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Grande, en Camariñas e do río Anllóns, entre outros. A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, participaron nunha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca. Cómpre lembrar que este ente está integrado polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
Na reunión abordouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, de competencia autonómica. Así, pese ás chuvias rexistradas nos últimos días, a Oficina Técnica da Seca decidiu manter a prealerta nestes sistemas, pois a recuperación dos ríos non se produce de xeito inmediato e aínda non se teñen acadado valores de normalidade. Esta situación de prealerta por escaseza supón a intensificación do seguimento da situación meteorolóxica e dos niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.