Neste contexto, o departamento que dirixe o conselleiro do Medio Rural, José González, vai potenciar as infraestruturas defensivas e os plans de distrito, aplicando tamén -no que atinxe especificamente á extinción- as últimas tecnoloxías na materia. Entre elas, contémplanse sistemas de detección e avaliación de incendios dende medios aéreos, así como novas tecnoloxías de vixilancia e a utilización de operativos dixitais de radiocomunicación. Todo isto, continuando cos plans de formación e posta ao día específicos para o persoal do dispositivo.
Cómpre salientar que a Xunta investirá 15 millóns de euros nesta mellora das instalacións, do equipamento e do parque móbil a disposición do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, así como na construción dun Centro integral para a loita contra o lume. Este centro construirase nas dependencias do antigo hospital do municipio ourensán de Toén e localizarase nesa provincia por ser a máis afectada polos incendios.
Deste xeito, este verdadeiro “campus forestal” será un proxecto pioneiro a nivel europeo, que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra o lume. Nel levaranse tamén a cabo actuacións de cooperación, investigación e formación continua das que se poderán beneficiar bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.