A Xunta non iguala, de momento, o 1% que aportan as deputacións de apoio á hostalaría

2 minutes read
  • O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, insistiu na necesidade de cooperación institucional “que é o que nos demanda un sector vital para a nosa economía que precisa de maneira inmediata apoio para sobrevivir”.

Na reunión celebrada este mércores en Santiago, as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra manifestaron o seu compromiso de achegar o “1% hostaleiro” con cargo aos Orzamentos 2021 e lamentaron que a Xunta de Galicia, cun orzamento de 11.663 millóns de euros fronte aos 525 das catro deputacións xuntas, non faga o mesmo esforzo económico que as administracións locais e comprometa só o 0,64% (75 millóns de euros), que siguen considerando “insuficiente para un verdadeiro plan de rescate”, para un sector que atravesa unha situación crítica.

Un engano ao sector

Os representantes da tres deputacións falaron dun “engano ao sector”, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou o esforzo das deputacións ao achegar o 1% ao fondo común e lamentou que a Xunta non respondese á mesma altura. “Solicitamos proporcionalidade e consideramos que esa porcentaxe era perfectamente asumible,pero non se conseguiu”, sinalou Regueira, ao tempo que mostrou a súa contrariedade ao “descubrir na reunión que o fondo común non tiña un destino só para o sector hostaleiro, como se falara até agora, que precisa un apoio sólido e urxente”. “O 1% da Deputación da Coruña é específicamente para o sector hostaleiro e turístico porque contamos con outras liñas de axuda que imos a seguir mantendo”, apuntou.

Xunta, deputacións e Fegamp volverán a sentarse este venres co Clúster do Turismo de Galicia para determinar o modelo de xestión dos fondos e se serán tramitados polos concellos, como propoñen as deputacións, pola Xunta de Galicia, como propón a administración autonómica, ou a través dun modelo mixto. O sector demanda maior axilidade e eficicia na xestión deses fondos.

Declaración do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.