Denuncian que a Xunta ocultou a información da vertedura de microplásticos na costa durante días

4 minutes read

Alcaldes da contorna das rías de Arousa e Muros e Noia denuncian a ausencia de responsabilidade por parte do Goberno galego, mentres pescadores e mariscadores reciben información a contagotas e a través da prensa.

Denuncian que a Xunta de Galicia, gobernada polo Partido Popular, ocultou durante días e nalgúns casos durante semanas, toda a información que tiña sobre a vertedura de millóns de microplásticos fronte á costa portuguesa e a súa potencial afección ao litoral galego nas Rías Baixas. Foi a propia Consellería do Mar quen involuntariamente o recoñeceu nun conciso comunicado onde recoñece que o Ministerio de Transportes facilitoulle a información de que un buque, o Toconao, con bandeira de Liberia e proveniente de Alxeciras (Cádiz) perdera parte da súa carga fronte á costa de Viana de Castelo, na costa de Portugal o día 8 de decembro. Con todo, alcaldes e alcaldesas do litoral máis afectado nas rías de Muros e Noia e Arousa non tiveron ningunha información oficial polo menos ata o 13 de decembro. E iso no mellor dos casos.

Os representantes dos gobernos locais dos concellos afectados deron un comunicado conxunto neste venres solicitando axuda e implicación dos gobernos pertinentes. A Consellería do Mar, limitouse a enviar unha carta con escasos protocolos a seguir, e simplemente informando de que a empresa armadora causante sufragaría os costes. Isto segue sendo insuficiente, pois fan falla recursos e mans para poder proceder a limpar todos os areais afectados, que continúan a ser cada vez máis. Na xornada deste venres, localizaronse tamén estes plásticos nas praias da Abelleira, en Muros; en Nemiña, en Muxía; na praia de Riazor na Coruña e mesmo en Burela, ademáis de atoparse xa na Illa de Arousa. Témese que a lista de areais afectados continúe medrando nas próximas xornadas. Na única nota de prensa distribuída pola Xunta de Galicia, solicitaban a cidadanía que notificasen a aparición destes materiais ao 112, tamén confirmaban que a perda de carga foi fai case un mes, e non fixeron ningunha avaliación do impacto ambiental.

Hai a quen aínda non lle chegou nin unha carta en mais dun mes. É o caso da alcaldesa de Muros (A Coruña), María Lago Lestón, que explicou na mañá deste venres nun comunicado conxunto entre os gobernos locais dos concellos afectados que non recibira “nin unha comunicación oficial” por parte de ningunha das administracións responsables. Tampouco do Ministerio do ramo do Goberno de España: “Recibimos unha chamada estes días desde Costas para dicirnos que había constancia dun deses sacos de pellets nunha das nosas praias e que nos correspondía proceder á súa limpeza. Nada máis”, denuncia a alcaldesa do BNG, que critica que a Xunta “di estar a coordinar a situación, pero non fixeron nada en absoluto” que eles e elas visen.

Desde a Consellería do Mar, dirixida por Alfonso Villares, din estar a traballar na detección e seguimento da aparición destes materiais “para a súa posterior retirada ou limpeza por parte das administracións competentes”. Nesa liña, Gardacostas de Galicia tamén di manter a vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materiais. Con todo, recoñecen que ata o momento “non foron notificados avistamentos destes materiais no mar debido a que, polas súas características non se atopan na superficie polo que non é posible a súa retirada por medios marítimos tendo que realizarse unha vez que estes plásticos chegan á costa”.

“Que está a coordinar a limpeza é simplemente unha mentira”, denuncia Luis Pérez Barral, alcalde de Ribeira, en cuxo termo municipal atópase o Parque Natural de Corrubedo, unha das xoias ecosistémicas das costas galegas, zona afectada excesivamente polo afundimento do Prestige e en cuxos areais xa se reportaron a presenza destes microplásticos. “Nós si recibimos unha carta, concisa, o día 13 avisándonos de que houbera esa perda de carga, pero nada máis. Nin do potencial dano ambiental que carrexaba nin nada. Simplemente que nos correspondía a nós limpalo e que pasásemos a factura para imputarlla ao seguro da navieira responsable”, lamenta. “Nin unha reunión entre os alcaldes da comarca sequera”, engade.

Salvando as distancias, non só o dano ambiental lembra á catástrofe do Prestige de hai agora 21 anos, o que máis se parece, explica o propio Barral é a vontade de “ocultación” por parte da Administración que hoxe dirixe Alfonso Rueda, presidente non electo que Alberto Núñez Feijóo colocou a dedo tras a súa marcha á política estatal. De feito, explica o alcalde de Ribeira, teñen a sensación “de que estaban a esperar a ver que era o que pasaba e como de grave podería ser o tema”. De feito, nas escasas comunicacións que emitiu a Xunta céntranse en sinalar as responsabilidades á hora da limpeza: “Trasladouse xa aos municipios das zonas afectadas a máxima colaboración, facilitando o protocolo co que actuar e recoller toda a información dos traballos e custos asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa”, algo que os alcaldes negan e ven moi insuficientes.