A Xunta pídelle ao Concello ‘colaboración’ na posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Carballo

2 minutes read

A Xunta de Galicia ten tomado a iniciativa para activar o proxecto de reforma e ampliación do centro de saúde de Carballo para a súa transformación nun novo Centro Integral de Saúde, tal e como está contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta hai dúas semanas.

Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir unha carta ao alcalde, Evencio Ferrero, na que solicita a súa colaboración na busca das solucións axeitadas para incrementar en 1.820 m2 a edificabilidade da parcela do actual centro de saúde. Nese sentido, o conselleiro ofreceulle ao representante municipal a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Sergas para axudar na avaliación daquelas propostas que o concello considere e determinar se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico.

En resposta a esta comunicación, o Concello de Carballo solicitou unha entrevista entre alcalde e conselleiro para abordar este asunto, á que o conselleiro ten accedido, co compromiso de concretar lugar e data nos vindeiros días.

Na misiva, a Xunta de Galicia achega tamén o contido íntegro do Plan, no que están detalladas as necesidades obxectivas que motivaron a priorización dos proxectos finalmente elixidos, así como a proposta de plan funcional deseñada para a futura infraestrutura coa que o Goberno galego quere mellorar o servizo sanitario no concello.

Así, no caso de Carballo, o documento estratéxico recolle un plan funcional que prevé non só o incremento das consultas de adultos, pediatría, docencia, saúde mental ou PAC, senón, tamén, ampliar a área de fisioterapia, mellorar a funcionalidade da de radioloxía, crear unha área integral da muller con consulta de rehabilitación do solo pélvico, albergar consultas especializadas de reumatoloxía, oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva e, de xeito especialmente sinalado pola necesidade de espazo que leva aparellada, a creación dunha área integral de hemodiálise con 25 postos, que evitará desprazamentos de pacientes ao hospital.

Asemade, o conselleiro destaca na carta que o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 contempla, dentro da partida de 4,2 millóns de euros destinada a reformas e melloras de centros de saúde, unha reserva de 600.000 euros para licitar o proxecto e iniciar a obra desta ampliación e transformación en CIS do centro carballés.

En consecuencia, conclúe a carta, a pronta achega por parte do concello dunha solución axeitada axilizaría o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra, posibilitando a execución desta partida orzamentaria.