A Xunta pon en marcha a plataforma Educovid

O secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, participan nun webinar para explicar o funcionamento da aplicación Educovid.

A plataforma Educovid e unha canle de comunicación interna entre os centros escolares e a administración sanitaria para a xestión de casos no eido escolar posta en marcha pola Xunta, está xa plenamente operativa, logo da sesión informativa e formativa para equipos covid dos centros escolares, que tivo lugar onte, na que interviñeron técnicos das consellerías de Educación e de Sanidade, así como da Amtega.

A plataforma telemática Educovid, -tal como establece o Protocolo de inicio de curso- é unha ferramenta que se pon a disposición dos centros escolares para facilitar e axilizar a xestión de casos da covid-19 vinculados á comunidade educativa. É, por tanto, unha canle telemática de comunicación entre os centros educativos e a Central de Seguimento de Contactos (CSC) que permite xerar alertas de positivos e activar o protocolo sanitario. Toda a información rexistrada nesta plataforma será accesible para o persoal sanitario determinado pola administración sanitaria, e estará disposición da CSC para que poidan tomar as decisións que correspondan para cada caso e realizar rastrexos.

No día de onte, representantes das Consellerías de Cultura, Educación Universidade, de Sanidade e da Amtega participaron nun webinario para informar aos equipos covid dos centros educativos de toda Galicia sobre os protocolos de actuación e o uso da aplicación ante confirmación de positivos entre alumnos ou profesores. En concreto, aos integrantes dos equipos covid dos centros proporcionóuselles instrucións precisas sobre a información que deben cargar na plataforma, así como sobre a normativa de protección de datos que se debe cumprir no que atinxe aos fluxos de información.

Cómpre lembrar que cada centro educativo conta cun equipo covid (que suman arredor dunhas 4.000 persoas en toda Galicia), que actúa como referente para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias en todos os asuntos relacionados coa pandemia; e é tamén o enlace entre o centro e a administración sanitaria.

Funcionamento de Educovid

Cando un profesional ou alumno resulte positivo nunha proba PCR, os técnicos da Central de Seguimento de Contactos accederán a Educovid, onde poden buscar o centro educativo ao que pertencen e rexistrar unha solicitude dos contactos próximos dese positivo.

Os membros do equipo covid do centro educativo, que previamente se rexistraron na aplicación, reciben o aviso nos seus dispositivos móbiles, visualizan ese expediente de petición de contactos do alumno ou profesor e acceden aos grupos de convivencia que suxire o sistema (alumnos e profesores do mesmo grupo, alumnado e persoas que comparten comedor, alumnado e persoas que comparten transporte…).

A partir de aí o centro educativo seguirá as instrucións da CSC e engadirá ou eliminará contactos desas listaxes. Unha vez finalizado ese proceso, o sistema remite a información dos contactos solicitados aos técnicos da Central de Seguimento de Casos que contactan con eles e adoptan as medidas sanitarias oportunas.