Trátase dunha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe e que terá como actividade principal un concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre o alumnado de todos os colexios de primaria e secundaria participantes.
Durante unha visita ao CEIP Carmen García Carrasco, en Cenlle, un dos centros educativos que participou nas catro edicións anteriores, resultando gañador na categoría de quilos totais recollidos por alumno no curso 2022-2023, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou que grazas ao esforzo realizado polos escolares dos 150 centros inscritos na pasada edición se reciclaron máis de 46 toneladas de pilas, un dos residuos domésticos máis perigosos e altamente contaminantes.
Logo de indicar que todos os colexios públicos, privados ou concertados que estean interesados en participar na iniciativa poderán inscribirse a través da páxina web de Pilabot desde hoxe, 7 de novembro, e ata o vindeiro 5 de decembro, Sagrario Pérez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo, animou aos centros educativos de toda Galicia a implicarse na campaña, que, nesta ocasión, volverá contar cun total de 150 prazas dispoñibles. Nesa liña, cómpre salientar que na última edición as prazas se cubriron en apenas unha semana e o 57% dos centros xa participaran con anterioridade na campaña Pilabot.
A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores en desuso. Así, a partir do 10 de xaneiro comezará o reparto paulatino entre todos os participantes dos bidóns, colectores e material informativo. Unha vez recibido todos eses materiais, cada centro terá seis semanas lectivas para participar na campaña, que rematará o 19 de abril.