A aplicación móbil ALume, deseñada para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá, está xa dispoñible para descarga, tanto para sistema operativo Android como para iOS. Anunciouno este martes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nun almorzo informativo con medios de comunicación, no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; aos que se lles explicou de xeito detallado o funcionamento desta app.
ALume conta cunha interface moi intuitiva, deseñada co obxectivo de facilitar ao máximo posible o seu uso. Deste xeito, a través do menú que aparece na súa pantalla principal pode darse un aviso a través da aplicación ou chamando ao 085. Unha das vantaxes máis salientables que ofrece esta ferramenta é a posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións.
A posta en marcha de ALume é unha das novidades tecnolóxicas incluídas na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste 2026 e, tal e como estaba previsto, está plenamente operativa antes do inicio da campaña de alto risco.
Ademais da aplicación, o Pladiga 2026, que conta co maior orzamento da súa historia con 213 millóns de euros, incorpora outras novidades tecnolóxicas de gran importancia, como é a incorporación da Intelixencia Artificial ao sistema interno de xestión de incendios. Grazas a esta tecnoloxía pode crearse de xeito automático unha alerta de incendio cando se detecta fume a través das cámaras da rede de videovixilancia; sen necesidade de que avise a un profesional do servizo ou que houbera unha alerta cidadá.
Tanto a posta en funcionamento da aplicación como a incorporación da IA son recursos fundamentais na detección temperá dos lumes e favorecerán a anticipación do propio servizo de cara á primeira intervención no lume.