A Xunta presentará alegacións ao Real Decreto que regula a eólica mariña

1 minutes read

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, anunciou que a Xunta de Galicia presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central.

Lorenzana participou nunha xuntanza do Observatorio da eólica mariña, convocada coa finalidade de recoller as suxestións dos sectores implicados para, dixo, “ter unha postura inequívoca desde a comunidade autónoma de Galicia en relación ao contido deste real decreto”.

Segundo explicou, esa postura é clara: “Apoio ao desenvolvemento da enerxía eólica mariña sempre garantindo a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar en Galicia”, abondou.