A Xunta propón no Consello Interterritorial de Saúde o adianto do horario do toque de queda

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de trasladarlle ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a súa proposta de adianto do horario do toque de queda na comunidade galega, co obxectivo de frear a expansión da covid-19.

O conselleiro de Sanidade volveu a insistir na conveniencia de que o Goberno central poña a disposición das comunidades autónomas todas as ferramentas posibles para o control da covid-19 segundo a situación epidemiolóxica de cada momento e que se poidan empregar a nivel de provincia, concello, área sanitaria e distrito sanitario.

No transcurso da xuntanza mantida cos responsables sanitarios do conxunto de comunidades autónomas españolas e o Ministerio de Sanidade, o titular do departamento sanitario da Xunta, Julio García Comesaña, informou que o Executivo galego considera axeitada a posibilidade de que os gobernos autonómicos poidan modificar e adiantar a restrición de mobilidade horaria, así como implantar confinamentos segundo as necesidades epidemiolóxicas que presente cadanseu territorio.

A Xunta de Galicia forma parte do conxunto de gobernos autonómicos que lle trasladaron a súa petición ao Goberno central para que este permita flexibilizar as limitacións de mobilidade nocturna ou implantar confinamentos, e así poder combater o incremento de novos casos positivos rexistrados nas últimas datas.