A Xunta recibe 5 ofertas para a elaboración do novo Plan galego de saneamento

1 minutes read

Estas 5 ofertas están conformadas por UTE, o que supón que son un total de 12 empresas as que se presentaron a este contrato. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

Trátase da contratación da primeira fase de análise e diagnóstico da situación actual, así como a elaboración das directrices de saneamento de Galicia. O seu obxectivo é a actualización do Plan de saneamento vixente para impulsar o novo documento, que constituirá unha ferramenta imprescindible para abordar a estratexia de cambio climático tanto no ámbito da mitigación dos seus efectos, como no da adaptación e anticipación ante as ameazas derivadas dun escenario de seca.

O principio reitor no que se baseará o novo Plan galego de saneamento será así a loita contra o cambio climático, que aparecerá de maneira transversal e integrada ao longo dos procesos de planificación, programación e execución das medidas. Integraranse tamén os principios que rexen a Estratexia galega de economía circular 2019-2030.

O prego de contratación para a redacción do novo Plan propón un ambicioso programa de traballo, estruturado nas seguintes liñas: garantir o saneamento adecuado para todas as aglomeracións urbanas maiores de 1.000 habitantes, realizar unha xestión adecuada das augas pluviais na planificación do saneamento e ordenar a configuración do saneamento en territorios dispersos como son os do medio rural galego.