O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou na reunión convocada polo Ministerio de Educación y FP para presentar o novo sistema de acceso á Universidade. Unha xuntanza na que o representante galego reclamou “un novo modelo de ABAU xusto, uniforme e que garanta a igualdade de oportunidades”. Porén, tal e como sinalou Román Rodríguez, o modelo plantexado polo Ministerio non corrixe o principal problema, a desigualdade entre o alumnado das diferentes CCAA, e descarta unha ABAU única ou homoxénea, consolidando a fragmentación.
Lembrou que desde hai anos se están a producir desigualdades de xeito sistemático, que están a prexudicar a comunidades como Galicia ou Castela e León, que malia estar á cabeza de España en resultados académicos, quedan por baixo da media nas cualificacións da ABAU.
A este respecto, o conselleiro subliñou que a Xunta levou hai un ano esta petición a unha reunión no Congreso dos Deputados e que, a principios deste ano, xa trasladou tanto á ministra de Educación como ao de Universidades a necesidade de mudar este sistema, “que ten como problema principal a desigualdade que xera entre os alumnos”.