Así o trasladou a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde avanzou que as condicións fixadas para esta concesión, complementaranse con outras novas establecidas na recente modificación concesional.
Apuntou que os datos recompilados de consumos reais de auga da planta, froito da auditoría requirida a Ence desde Augas de Galicia, conclúen un consumo máximo das instalacións do 0,55 m3/segundo. Isto, indicou, deu lugar á tramitación desta nova modificación das características desta concesión, co fin de axustar o caudal ás necesidades reais de consumo de auga de Ence.
A directora de Augas de Galicia informou de que a tramitación rematou cunha nova resolución de modificación concesional, que establece unha redución do caudal para a concesión de 0,6 m3/segundo, fronte aos 1,5 m3/segundo que tiña previamente outorgados.
Subliñou que esta modificación é unha das actuacións adoptadas e promovidas nos últimos anos desde Augas de Galicia, motivada pola preocupación constante por garantir a subministración da auga e por facer un uso responsable da mesma, ante as evidencias do cambio climático. Nesta liña de traballo, lembrou, a Xunta tamén impulsou a Lei de garantía de abastecemento nos episodios de seca e en situación de risco sanitario.