A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Xabier Pin, asinaron un novo convenio para manter as accións que, desde hai dúas décadas, desenvolven de maneira conxunta ambas entidades co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.
Deste xeito, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte mediante os correspondentes exames e recollida de mostras.
A Consellería, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados e achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Coordinadora.
A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas a adoptar que poidan reverter esta situación.
Neste sentido, a colaboración coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.