A Xunta usou fondos europeos para cubrir parte do salario do profesorado fixo

2 minutes read

A Consellería de Educación empregou fondos dun programa europeo para cubrir parte do salario de profesorado fixo dos centros de ensino. En concreto, do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, aprobado o 9 de decembro de 2022 pola Unión Europea e a presentado pola Xunta o 14 de marzo deste ano nun acto celebrado no CGAC de Santiago de Compostela. O programa financiado polo Fondo Social Europeo serviu para financiar o 60% dos custos de persoal de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, o profesorado especialista de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe de 200 centros de Infantil e Primaria, segundo denunciou este luns CIG-Ensino.

O sindicato denuncia que a pasada semana, entre o 11 e o 13 de xullo, douscentos centros educativos de Infantil e Primaria recibiron comunicacións telefónicas e por correo electrónico da Xunta de Galicia nas que se lles indicaba que foran “seleccionados”, sen petición previa, para formar parte do programa do FSE, sinala CIG-Ensino. A central nacionalista cualifica de “totalmente improcedente” e como “un escándalo” que se usen fondos europeos “para sufragar parte dos salarios de profesorado estrutural” e critica que eses fondos non serviran para incrementar profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe de reforzo nos centros que tiñan máis necesidades de apoio.

A CIG sinala que “sempre se nos dixo” que estes fondos “tiñan un carácter finalista para a contratación temporal de novo profesorado”. O sindicato enviará a documentación da que dispón aos organismos europeos correspondentes para comprobar se se está a vulnerar a normativa e, de ser así, “exixirá as responsabilidades que correspondan”. CIG-Ensino afirma que “tamén se usaron fondos europeos” para pagar parte das retribucións de profesorado de Formación Profesional que recibiron para a súa sinatura “un documento polo que se daban por coñecedores de que ao o 28% do seu salario foi cuberto con cargos a un programa do FSE”.