Foi o xulgado do Social número tres de Ourense quen nunha sentenza ditaminou contra a decisión unilateral do Consorcio en relación á concesión discrecional de permisos, logo de que unha traballadora tivese que acudir á vía xudicial para que lle fose concedido un dereito recoñecido e do que xa desfrutaran anteriormente outras compañeiras.
A muller solicitou un permiso de tres días para o coidado do pequeno, que aínda non cumprira un ano, medida que lle foi negada polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar “sen unha xustificación clara e motivada”, como aclara CCOO, sindicato que denunciou o caso. O propio ditame, ao que tivo acceso Praza.gal, lembra que a outra compañeira que tivo un fillo con gastroenterite si lle foi concedido o permiso. A afectada tivo que dispoñer de tres días de asuntos propios para poder coidar o pequeno.
A maxistrada, a través da sentenza, lembra que ademais da normativa laboral que garante os permisos e licenzas ás que pode acollerse a traballadora, tamén o artigo 108 do Código Civil obriga o cumprimento das obrigas e os pais a “velar pola saúde dos seus fillos menores”, neste caso de curta idade e con necesidade dun “repouso domiciliario acreditado mediante un certificado médico”, polo que “se debe considerar un deber inescusable de obrigado cumprimento para as persoas que ostentan a patria potestade”. +praza.gal