A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas, moi presente na cidade asturiana de Oviedo

1 minutes read
  • O sábado 26 haberá un desfile de moda na Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatrava

O Concello de Camariñas continúa promovendo a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña con accións que traspasan as fronteiras galegas. Despois de presentar o evento na Feira Internacional de Turismo, este sábado 26, ás 20 horas, realizarase un desfile d emoda na Sala de Cristal do Palacio de Congresos de Calatratava, en Oviedo (Asturias).

A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, explica que esta iniciativa, que nace grazas á colaboración coa Asociación de Galicia en Asturias e o seu presidente Manuel Fernández Quevedo, serve para impulsar a Mostra e o turismo en Camariñas «fóra das nosas fronteiras». Ademais, Liñeiro subliñou que elixiron Oviedo porque «queremos afianzarnos como capital da moda durante a Semana Santa e Asturias é un público potencial que pode achegarse neses días».

O desfile estará composto por dúas grandes firmas como a reputada deseñadora valenciana Dolores Cortés e a asturiana Ana Cabranes, habituais da Mostra do Encaixe. Ademais, completarán a pasarela 12 coleccións de gañadores e finalistas do certame de noveis deseñadores: Rocío Molina e Alba Cobos coa súa colección ‘Enxebre (2)’, Rebeca Mercado con ‘Déjame Encajar’, Candela Rodríguez e Alba Otero con ‘Carrera de Indias’, Josu Santos con ‘Tira y Afloja’, Joaquín Ruíz con ‘Suspiros flamencos’, Jaione Ventura con ‘Zeistmaschine’, Uxía Rodríguez con ‘Estímulos’, Eli Conde con ‘Victoria’, Judith Martín con ‘Matista’, Iria Cameán con ‘Un paseo sereno’, Sara Alonso con ‘Enxebre (1)’ e Beatriz Anido con ‘Sea Lung’.

Ao remate do acto haberá unha actuación da recoñecida soprano asturiana Tina Gutiérrez, que cantará en galego.