A zona azul en Carballo volverá a regularse a partir do 1 de xuño

1 minutes read
  • As infraccións en zona azul están consideradas de carácter leve e supoñen 80 euros de sanción

A flexibilidade de movemento durante esta desescalada favorece a recuperación da actividade comercial que, no caso de Carballo, demanda máis aparcamentos. Como consecuencia deste cambio de escenario, a partir do 1 de xuño volverá a entrar en vigor a ordenanza que limita o tempo de estacionamento na zona azul a unha hora e media. O horario de limitación abrangue de 09:00 a 13:30 horas, de luns a sábado, e de 15:30 a 20:00, de luns a venres.

O obxectivo da zona azul é garantir a rotación de vehículos naqueles lugares onde hai máis dificultades para o estacionamento; aínda que desde a súa posta en marcha no ano 2002, en Carballo o número de prazas multiplicouse por cinco.

Tal como recolle a ordenanza que a regula, na zona azul está prohibido aparcar vehículos de máis de 3.500 Kg. e os que realicen operacións de carga e descarga salvo que carezan dun lugar específico para esa finalidade. Están exentos das limitacións horarias os vehículos oficiais en horario de traballo, os dos servizos públicos, os de representacións diplomáticas e organismos internacionais, así como os de emerxencias.

As infraccións en zona azul, como non colocar o disco de control ou sobrepasar o tempo máximo de estacionamento, por exemplo, están consideradas de carácter leve e supoñen 80 euros de sanción.

As persoas que non dispoñan dun disco para indicar a hora de chegada e de saída dun lugar poderán conseguilo nas dependencias da Policía Local.