Non puido ser. Xesús Ferreiro e Xavier Anido tiveron que retirarse antes de concluír a primeira etapa do Rallye Rías Altas Histórico cando lideraban o mesmo tras dominar comodamente a carreira ata ese momento na clasificación combinada de Pre81 e Pre90, con máis de medio minuto sobre o segundo clasificado e despois de realizar o mellor tempo na súa categoría (Pre81) nas tres especiais disputadas ata o abandono no cuarto e último tramo da primeira xornada de competición desenvolvida en Doroña e Monfero cun dobre paso por ambas.
“Foi unha mágoa xa que estabamos a rodar moi cómodos e sen asumir ningún risco, pero de súpeto a mecánica do Ford Escort RS 1800 comezou a fallar, probablemente algo relacionado co aceso”, comentaba Xesús Ferreiro pouco despois de deterse na segunda pasada por Monfero, o que tamén lle impediu retornar á carreira na xornada deste sábado onde se disputaban os tramos de Irixoa e Monfero.