Abel Caballero: «desde que son alcalde, a Xunta débelle a Vigo 140 millóns»

1 minutes read

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou este xoves en 140 millóns de euros a «débeda» que, ao seu xuízo, ten a Xunta coa cidade, debido aos gastos asumidos pola administración municipal, sen ser da súa competencia, e que se foron sumando nos últimos 12 anos (desde que el é alcalde). Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico enumerou todos os gastos que o Concello asumiu, «obrigado» pola Xunta, para dotacións ou servizos que son competencia autonómica e que o goberno galego non asumiu.

Servizos como o de canguros, teleasistencia ou axuda no fogar, ao programa de apoio familiar, a bolsas de libros e comedor, obras para cubrir patios de colexios ou mellorar os seus accesos, o programa de coidadores de barrio, ou as axudas para evitar desafiuzamentos, entre outros, todo iso «competencia e obrigación da Xunta», afirma Abel Caballero.