O presidente da FEMP e a vicepresidenta primeira do Goberno presentaron o programa “Municipios pola Tolerancia: Cara a unha mellor xestión da diversidade relixiosa”. No encontro, o alcalde abordou con Carmen Calvo os fondos europeos e a súa importancia para a recuperación do “difícil momento económico no país” así como a “conveniencia de que os concellos sexamos receptores de fondos europeos en magnitudes equivalentes ao noso peso, algo que xa está facendo o Goberno”.
Abel Caballero fixo unha chamada de atención a permanecer no proceso de avance pero vixiantes aos retrocesos que se poden producir e sinalou que “unha parte da nosa función é entender a democracia, a convivencia, a tolerancia e a acción política institucional para avanzar, pero tamén para marcar puntos de non retroceso en ámbitos sensibles onde é tan fácil retroceder”. Así, agregou que «debemos evitar a confrontación política nesta cuestión e apostar pola colaboración, polo traballo pola convivencia».
Carmen Calvo puxo de relevo que «traballar pola diversidade relixiosa é traballar por unha democracia máis ampla e máis forte, unha democracia que poidamos legar» e avogou por “soster a democracia, ampliala e trasladala ás seguintes xeracións nas mellores condicións posibles”. Ao seu xuízo, “liberdade, igualdade e solidariedade son valores que van xuntos e a realidade do noso país é de diversidade. A diversidade é connatural á humanidade e a democracia nace para asumila, protexela e sostela”.