Abel e Abel afondan na mellora da cooperación entre Vigo e o Estado

1 minutes read

Abel Caballero adiantou a mellora que experimentará a cooperación entre as administracións municipal e estatal coa incorporación de Abel Losada ao cargo de subdelegado do Goberno en Pontevedra. Así o apuntou o alcalde tras a reunión onde quedou patente que o nomeamento do exconcelleiro do seu goberno garante “a presenza de Vigo nas decisións que desde a subdelegación do Goberno se tomen para o conxunto da provincia e da cidade”. Losada coincidiu co rexedor no anticipo dunha “relación máis fluída” entre o Concello e a representación do Goberno en Pontevedra.

O subdelegado do Goberno trasladou o seu propósito de que as relacións entre as administracións local e central “mellore e sexa máis fluída, despois de que eu son vigués”. Abel Losada remarcou que entre os seus propósitos se atopa “visibilizar, da man do Concello” a presenza do Estado no territorio, para que poidan “comparar os enfoques dunhas e outras administracións”.