Foi inaugurada este xoves nun acto que contou, entre outras autoridades, coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, co pregón da escritora da Coruña Pilar Pallarés e o deputado de Cultura Xurxo Couto, quen destacou a relevancia da cita literaria da Coruña na que «cada ano, vivimos como escritores e escritoras celebran a súa presenza no programa da feira, como unha sorte de premio a súa creación e un encontro directo co público lector».
Neste sentido, destacou esa cara feliz da Feira do Libro, mais tamén se referiu a un lado «escuro» que é a progresiva redución de títulos e exemplares publicados en lingua galega. «Compre maior implicación de todas as institucións, establecer ese pacto necesario, man a man cos sectores para esixir o cumprimento da Lei do Libro e da Lectora, aínda sen desenvolver, e do Plan galego da Lectura, fundamentais ferramentas para contribuír a mellorar a saúde do libro galego que reduciu a súa produción un en 1,5 millóns de exemplares, o 47% menos en seis anos, nos datos do Observatorio da Cultura», sinalou Xurxo Couto.
A pesar da difícil situación que atravesa o mercado do libro galego, a «Feira do libro é exemplo da enerxía do sector, que leva a libreiros e libreiras, cun esforzo único e que temos que agradecer, a saír dos seus establecementos e levar os libros á rúa ademais de organizar un intenso programa no que participan tamén entusiastas escritores e escritoras», sinalou o deputado de Cultura nunha aposta pola defensa do libro que, segundo dixo, continúa a ocupar un lugar central da nosa cultura. Por iso, é, apuntou «de absoluta responsabilidade política e social procurar a mellora da súa situación porque niso reside unha parte importante do futuro da nosa cultura».