A Deputación da Coruña abriu este venres ao tráfico a ponte de Rebardille, no termo municipal das Pontes, tras as obras de ampliación da plataforma e o taboleiro da infraestrutura, que supuxeron un investimento de 160.000 euros para eliminar un punto moi estreito onde se producían dificultades na circulación.
O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou a zona acompañado polo concelleiro de Medio Rural, Antonio Castro, e destacou que a ampliación da plataforma e da sección da estrada permite agora un cruce seguro dos coches nunha zona onde a visibilidade era limitada, con curvas moi pechadas, o que supuña un perigo importante para a seguridade do tráfico.
A nova ponte conta cun ancho total de 10,8 metros, con carrís de circulación de 4 metros de ancho e beiravías de 1,40 metros en ambas marxes, dotados de bionda de protección e peitoril.