Aberto o prazo das axudas turísticas para concellos de menos de 10.000 habitantes

1 minutes read

Cun investimento de 2M€, subvencionaranse actuacións que se centren na recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos coa posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

A convocatoria é de concorrencia non competitiva e as solicitudes poderanse presentar ata o día 1 de abril de 2024. En concreto, sufragaranse actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos que poderán incluir a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos, iluminación ornamental, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente, tamén a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, rutas de sendeirismo e outros elementos de interese turístico e adecuacións de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes.

As axudas tamén inclúen o embelecemento dos recursos turísticos e dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten á contorna de protección (embelecemento de vías, ocultamento de colectores de residuos que se atopen no propio recurso turístico ou BIC, así como eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións).