As entidades de acción voluntaria e as entidades locais teñen aberto durante un mes o prazo para solicitar axudas co fin de levar a cabo programas de voluntariado xuvenil e de voluntariado interxeracional no rural. O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a convocatoria da orde de voluntariado xuvenil, coa novidade de poder facer a maiores proxectos interxeracionais para poñer en valor o medio rural e impulsar novas oportunidades de inserción laboral para a xente nova.
Este exercicio de 2023 destina máis de 326.000 euros para dar continuidade a orde de voluntariado xuvenil xunto coa proposta de voluntariado interxeracional, cuxa primeira edición tivo lugar o ano pasado. A través dela foméntanse en concellos pequenos e de carácter rural o intercambio de coñecementos e experiencias entre mozos de 16 a 30 anos e persoas maiores de 55.
Ao igual que en convocatorias anteriores do programa de voluntariado xuvenil, financiaranse, de maneira prioritaria, actividades relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, a arte e tradicións populares galegas; accións con colectivos en situación de risco; actividades xuvenís, ambientais e de igualdade de xénero; así como intervencións relacionadas co ámbito familiar, a posta en valor do medio rural e o coidado e benestar dos maiores.