Ponteceso | Aberto o prazo de solicitude dos permisos para os servizos de tempada de praia

1 minutes read
  • As solicitudes poderán tramitarse ata o próximo 18 de xaneiro

Desde o pasado xoves 17 de decembro e ata o próximo 18 de xaneiro de 2021, ambos inclusive, permanece aberto o prazo para solicitar o outorgamento de autorizacións para os servizos de tempada de praia en Ponteceso como quioscos expendedores de bebidas, hamacas, terrazas ou servizos de formación e ensinanza deportivas como o surf ou o bodyboard.

Este prazo permanece vixente para todas as persoas físicas ou xurídicas que pretendan instalar os seus establecementos en terreos de dominio público marítimo-terrestre da provincia da Coruña.

No caso das terrazas sobre paseos marítimos vencelladas a establecementos permanentes, as solicitudes poderán presentarse desde o pasado día 17 de decembro ata o último día hábil do segundo mes anterior ao mes no que se pretenda iniciar a actividade.

Para solicitar a prestación de servizos de tempada, as persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude no Rexistro do Concello.