- O total de premios ascende a 3.050 euros, e as obras poderán presentarse ata o 12 de marzo
Este ano o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís celebra a súa 23ª edición, e todas aquelas persoas interesadas en participar poderán presentar as súas obras ata o vindeiro 12 de marzo. Con este certame o Concello de Carballo pretende apoiar á creación artística, así como fomentar a divulgación da fotografía.
As bases son similares ás do ano anterior, e entre elas destacan que cada autor ou autora poderá presentar un máximo de tres obras en cor ou branco e negro. O tema é totalmente libre e os traballos deberán ser orixinais, inéditos e recentes. En canto ás dimensións, estableceuse un tamaño mínimo de 25×35 cm e un máximo de 40×50 cm; e todas as imaxes deberán estar montadas sobre cartón pluma ou un soporte similar.
Premios
A dotación total dos premios ascende a 3.050 euros. O primeiro premio conleva 1.500€ mentres que o segundo, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, será de 750.
Tamén haberá un Premio Especial Carballo de 500 euros á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio en calquera dos seus aspectos. Ademais, o xurado poderá conceder accésits por un importe total 300 euros, que estarán patrocinados por InterFilm Carballo.
Presentación
As obras, que deberán gardar o anonimato dos seus autores, poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Carballo, no Rexistro auxiliar de Cultura ou mesmo enviarse por correo certificado.
