Aberto o prazo para solicitar as axudas ao alugueiro, cun orzamento de 20 M€

2 minutes read

A Xunta de Galicia, abriu o prazo para presentar as solicitudes para as axudas para o pago do alugueiro, tal e como recolle a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a pasada semana. 

A convocatoria, que está dotada cun total de 20 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, establece que as axudas que poden acadar o 60 por cento do importe do alugueiro no caso de que as persoas beneficiarias pertenzan a un dos seguintes colectivos: menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galicia recentemente e cunha estadía mínima de 2 anos fóra de España, e persoas inscritas desde hai máis dun ano no Rexistro único de demandantes de vivenda protexida.  

No resto dos casos a axuda será 50, 40 ou 30 por cento do custe do alugueiro, en función dos ingresos dos beneficiarios, garantir un funcionamento máis xusto e distributivo do programa. 

Neste sentido e con carácter xeral, os ingresos da unidade de convivencia non poderán superar 3 veces o Iprem (25.200 €/ano) e canto máis baixos sexan, maior será a porcentaxe da renda subvencionada. En todo caso, o tope elevarase ata 4 ou 5 veces o Iprem no caso de familias numerosas ou que teñan algún membro cunha discapacidade.

A nova convocatoria limita tamén o prezo do arrendamento das vivendas para as que se solicita a axuda en función do concello no que estean localizadas. En concreto, no caso das 7 cidades, onde os prezos son máis altos, a renda máxima queda fixada en 600 euros; nos concellos da zona 1, que agrupa as vilas e os municipios de carácter urbano, o límite será de 550 euros; e no resto de Galicia o arrendamento non superará os 425 euros.

As solicitudes da axudas presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cómpre salientar que, dado que estas axudas se convocan polo procedemento de concorrencia non competitiva, considerarase como data de entrada no rexistro da Xunta aquela na que estea completa a solicitude e toda a documentación.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?