Abre a nova convocatoria do certame Sonidos Mans para bandas emerxentes

1 minutes read

O certame Sonidos Mans abre ata o 19 de abril o prazo de inscrición para as bandas emerxentes interesadas en participar na súa sexta edición que, como en anos anteriores, se materializa grazas á colaboración entre a Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia a prol dunha maior proxección social e profesionalización no ámbito da música emerxente.

O concurso diríxese a artistas e grupos españois que non teñan editado nin distribuído traballos de xeito comercial, co obxectivo de lles ofrecer unha ferramenta de difusión mediante a súa inclusión na programación dos festivais galegos colaboradores (PortAmérica, en Caldas de Reis e Portas; Festival de la Luz, en Boimorto, e Revenidas e Atlantic Fest, en Vilagarcía de Arousa), ademais de gravar nos Estudios Mans da Coruña.

O certame, que o ano pasado alcanzou preto das 300 bandas inscritas, forma parte do acordo asinado entre a Fundación Paideia e a Axencia Galega de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que abrangue tamén o ciclo de xornadas de industrias musicais A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era.