As familias que solicitaron praza para o vindeiro curso 2023-2024 nas máis de 170 escolas infantís públicas autonómicas poden consultar as listaxes definitivas de admitidos na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude. A partir deste xoves ábrese o prazo par formalizar a matrícula e remata o vindeiro 14 de xuño.
As familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno, e facelo a través da sede electrónica da Xunta ou no centro onde obtivera praza. O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica está fixado para o día 5 de setembro.No curso 2023-2024 a atención educativa será de novo gratuíta para o 100% do alumnado en todas as escolas infantís de Galicia durante oito horas ao día e once meses ao ano, tanto nas que forman parte da rede pública autonómica da Xunta como nas que dependen dos Concellos, nas de iniciativa social e nas privadas.